mércores, 5 de decembro de 2018

A excesiva protección dos fillos

A tendencia a sobreprotexer os fillos está cada día máis estendida e tense convertido nunha das principais causas dos actuais problemas da educación. Os nenos posúen absoluta presunción de veracidade e polo tanto dáselles a razón por riba de todo e de todos, crendo que deste xeito se protexen de inxustizas, cando o que se consegue, a medio e longo prazo, é obstaculizar a súa normal maduración e plena integración na sociedade. Por que razón actúan así os pais? Principalmente por medo a perder o cariño dos fillos ou a causarlles sufrimentos ou traumas, e tamén para evitar que estorben, pois educar supón dedicación e esforzo constantes, nun marco de exemplo, cariño e, sobre todo, moito sentido común. Séguese a confundir autoridade con autoritarismo e, como consecuencia, a primeira brilla pola súa ausencia, provocando un ambiente familiar de falsa democracia, sen regras nin límites, onde os fillos, que os pais queren tratar como amigos, acábanse convertendo en ditadores.
A madurez da persoa ten unhas características inconfundibles: independencia e autonomía; responsabilidade e forza de vontade; tolerancia ás frustracións; escala de valores sólida e realista; control emocional; comunicación aberta cos demais; etcétera. Cos excesivos e innecesarios coidados aos fillos estanse a conseguir resultados contrarios: apatía e dependencia; ego esaxerado; incapacidade para esforzarse e asumir as contrariedades; agresividade e desconsideración. É dicir, persoas inmaturas, que non son capaces de desenvolverse con normalidade nin no ámbito académico nin despois, na complexa sociedade que lles tocará vivir.
A primeira institución en sufrir as consecuencias desta educación é o centro docente. Os nenos mimados e consentidos teñen problemas de socialización e de integración na vida escolar. Calquera contrariedade prodúcelles unha falsa sensación de agresión que, amplificada en moitos casos polos propios pais, acábase elevando ao rango de acoso. De aí o incremento de incidentes que chegan ás direccións ou inspeccións, demandando a apertura dos correspondentes protocolos, que esixen unha gran dedicación por parte dos profesionais, para acabar, na maioría dos casos, no arquivo. Cada día aumenta o número de pais que protestan porque os seu fillos reciben maltrato dos compañeiros ou mesmo dos docentes, pero resulta absolutamente infrutuoso insinuarlles que unha parte da culpa pode ser deles.
A escola, por si soa, é incapaz de conseguir a orde e disciplina necesarias na aula e na vida académica en xeral. Precisa do apoio e da complicidade dos pais á hora de inculcar valores esenciais para a formación da persoa. Se estes non se practican na familia, polo menos que se lles permita facelo aos mestres, sen remar en contra deles.

La Voz de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario