luns, 8 de outubro de 2018

Os debuxos que conquistan corazóns

Foto: Marcos Creo
Desde hai un meses circulan por Barbanza uns debuxos que espertan unha mestura de sentimentos. Tenrura e admiración fúndense nos rostros daqueles que ven as ilustracións de Antón Romero. Aos seus 11 anos, o pequeno sonense, con serios problemas para comunicarse debido ao autismo que padece, atopou no eido artístico o seu mellor medio de expresión. O camiño que emprendeu podería incluso converterse no seu medio de vida.

Os pais de Antón, Antonio Romero e Avelina Piñeiro, recibiron hai sete anos unha desas noticias que ningún proxenitor quere escoitar: «Caeunos o mundo enriba, non tiñamos nin idea do que era o autismo e empezamos por informarnos», confesa a nai. Non imaxinaban entón o novo mundo que estaba a piques de abrírselle aos seus pes. 

Foi no Stand de Noia onde empezaron a decatarse de que Antón tiña aptitudes especiais no eido creativo. Con seis anos acudía a clases de debuxo no estudo noiés XD. A súa mestra, Malena Sánchez, confirmou a teoría anterior. Os debuxos do pequeno sonense non só eran orixinais, senón que tiñan perspectiva, movemento e expresión, características que os convertían en idóneos para o mundo do merchandising, entre outros. Por recomendación dela, foron rexistrados os dereitos de propiedade intelectual das primeiras láminas. 

Pero Malena Sánchez non se conformaba con que as ilustracións de Antón quedaran pechadas nun caixón. Quería que saíran á rúa e conseguiu convencer ao pais. Así chegou a primeira exposición, o pasado 1 de abril, en Portosín: «Coincidindo co día internacional da concienciación do autismo queríamos demostrar que estes nenos son quen de expresarse a través da súa creatividade. Argallamos a mostra en 15 días», lembra Avelina Piñeiro. O resultado compensou con creces o esforzo, os nervios e mesmo a incerteza inicial: «Foi un día moi emocionante. Sabiamos que xogábamos na casa, pero non esperabamos unha acollida tan impresionante». 

En camisetas

A partir de entón chegaron as chamadas de outros concellos de Barbanza, interesados tamén en amosar O mundo máxico de Antón, ao tempo que as ilustracións do pequeno eran estampadas en camisetas: «Empezaron a pedirnos debuxos para facer camisetas e decidimos crealas nós», explica a nai. Unha pequena parte dos ingresos pola venta destas prendas van a parar ao peto da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea: «Os dous únicos casos que hai en toda España desta enfermidade ultra rara viven ao lado da nosa porta, así que vimos que era a mellor elección».

Aínda que nunca viron nas ilustracións do seu pequeno unha posibilidade lucrativa, Avelina Piñeiro recoñece que aspira a que Antón chegue no futuro a vivir da súa gran paixón: «Hai especialistas na materia que certificaron a calidade das súas obras e mesmo Rodrigo Chao se declarou fan del. Si que nos gustaría que os debuxos chegaran a ser o seu colchón». 

Inspírase en temas diferentes cando se sitúa fronte a un papel en branco, pero os animais son o forte de Antón. Xa ten uns 250 debuxos rexistrados e seus pais conservan dúas mil láminas das moitas que fixo ao longo dos últimos anos: «Levántase e déitase pintando; de feito, gasta unha media de 300 folios por semana», explica Piñeiro.

Pero, o mellor desta historia, é que o artista é consciente do seu éxito e gózao ao máximo. «Xa a primeira inauguración nos compensou moitísimo, porque el estaba tan feliz vendo alí aos compañeiros e sentíndose protagonista», lembra emocionada unha nai que non dubida en asegurar que é o seu fillo o que marca o ritmo: «Mentres el queira seguir debuxando e expoñendo, aí estaremos nós».

Fuente:  Ribeira / La Voz

Ningún comentario:

Publicar un comentario