xoves, 9 de maio de 2019

A grande remontada

Estratexias para enfrontarse con éxito ao fin de curso
 
Din que a estas alturas da película está todo o peixe vendido. É dicir, que é pouco probable (por non dicir imposible) que aquel estudante que teña suspendido oito materias na segunda avaliación vaia aprobar todo a final de curso… Pero víronse cousas máis raras. Ademais, trátase de facelo o mellor posible: talvez para máis dun sexa un éxito conseguir pasar de curso, contando coa convocatoria de setembro. Mentres que para moitos outros o obxectivo pode ser, nestas últimas semanas de curso, conseguir acabar en xuño cunha media de notable alto. Así que, en todo caso, vexamos que é o que se pode facer para aproveitar ao máximo as seis semanas que quedan de curso. Para empezar:
  • Non hai tempo que perder! É momento de concentrarse, de acomodar o mellor posible o lugar de estudo e de facer un esforzo por manterse afastado o máximo posible de móbiles, redes sociais e pantallas absorbentes en xeral. Informar os amigos de que nos imos someter a un esprinte final (e que se agradece que non nos insistan para saír) pode servir de axuda.
  • Cubrir un calendario cos días de curso que quedan, exames pendentes, entrega de traballos e materias ás que se vai dedicar cada xornada. Nalgúns casos poida que resulte útil deixar para setembro algunhas materias e centrarse en superar as outras.
  • Conseguir de forma superurxente todos os apuntamentos, libros, exercicios, mapas, láminas e o resto do material imprescindible para aprobar e que, pola razón que sexa, non se teña.
  • Estar moi atento á última clase antes do exame. É moi probable que o profesor dea pistas sobre as preguntas que vai pór no exame ou que insista en repasar tal ou cal contido. Seguro que cae.
  • Para estudar, utilizar a técnica de facer chuletas. Só a técnica. É dicir, resumir e esquematizar ao máximo a materia obxecto de exame, seleccionando os contidos fundamentais de cada tema e póndoos por escrito. E logo, a memorizar as chuletas (e a deixalas na casa o día do exame, para evitar tentacións).
  • Revisar modelos de exames que se fixeron ao longo do curso ou incluso en anos anteriores. Hai certos temas que sempre caen, ano tras ano.
  • Deixar un tempo para repasar. Aínda que estamos, como quen di, no tempo de desconto, merece a pena incluír os repasos en todo este proceso. Se non se dá este último paso, todo o esforzo terá sido inútil.

Para cada tipo de exame, unha técnica diferente


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario