luns, 6 de maio de 2019

É listo coma un allo!

A estimulación educativa é fundamental para desenvolver o potencial xenético
 
Os xenes condicionan, pero non determinan a intelixencia, a sociabilidade, a empatía nin a creatividade dos nosos fillos. A interacción co ambiente (familiar, social e educativo) desde o minuto cero de vida, e incluso antes, é fundamental no desenvolvemento (ou non) desas potencialidades que xa veñen de serie. Desta forma, se o noso descendente ten a sorte de nacer con predisposición xenética cara á creatividade musical, pero non lle damos a oportunidade de desenvolvela, é posible que chegue a adulto sen ser sequera consciente de posuíla. Pola contra, un neno que naza con menores dotes nesa mesma área, pero que reciba máis estimulación de forma continuada, poderá manifestar un maior desenvolvemento das súas habelencias musicais ata alcanzar o grao da excelencia. 



Esta é unha das ideas principais que as familias poden aproveitar das achegadas nos últimos anos pola neuroeducación xunto con estas outras tres evidencias:
      1. O cerebro dos nenos é como unha esponxa que absorbe todo o que o rodea. Por iso o modelo que ofrezamos aos nosos fillos, por encima do que lles intentemos transmitir coas nosas palabras, vai moldear a súa forma de ser e relacionarse co mundo.
     2. A estimulación é un elemento crucial para a formación e desenvolvemento do cerebro. Todo o que os pais ofrecemos aos nosos fillos, desde a máis sutil das miradas ata as cóxegas máis aloucadas, ou desde o xogo máis divertido á conversación máis fonda, inflúe en como se constrúe o seu cerebro a base de novas conexións neuronais.


     3. A sobreestimulación, pola contra, é o inimigo número un do cerebro. O estrés e a saturación que provoca un exceso de estímulos (en non poucas ocasións recibidos a través do bombardeo das pantallas) xera cortisol, unha hormona que inflúe de forma negativa na conduta (reaccións agresivas), na aprendizaxe (a través de bloqueos ou problemas para memorizar) e nos aspectos emocionais (altas doses de frustración, menor autoestima e autoconfianza). 

Non se pode dicir que estas ideas sexan novas. A intuición e a experiencia dos pais hai xa varias décadas que deixaron claro que os fillos cun mellor desenvolvemento intelectual, emocional e social non son os que foron educados nos colexios máis caros e elitistas nin tampouco os que tiveron máis actividades extraescolares. Os segredos dunha educación de éxito son sinxelos, aínda que en xeral esixen un maior compromiso persoal. Trátase de ofrecer afecto incondicional e de crear un vínculo seguro cos fillos, de fomentar a autonomía e axudar a superar os medos, de establecer normas claras e de reforzar os comportamentos positivos. De dar exemplo e de cultivar a paciencia e o autocontrol. De fomentar a empatía… e de gozar educando.

(Preme no seguinte enlace para ler o artigo completo)



Ningún comentario:

Publicar un comentario